Wuthering heights ou cumes torboentos, na nosa tradución, é unha das novelas inglesas máis sobranceiras do século xix e emily brontë, a súa autora, pertence a ese escaso e escolleito fato de escritores que acadaron o recoñecemento literario cun único libro, aínda que en verdade tamén é autora dalgúns poemas. a novela é unha exposición arrebatadora sobre o fado, a obsesión, a paixón e maila vinganza a través duns personaxes de espírito atolado ou mesmo perverso que viven nun ámbito social predominantemente mesquiño e nunha natureza agreste, mormente inclemente e tan ríspeto coma moitos dos persoaxes. é unha narrativa adiantada ao seu tempo que será un modelo para a literatura romántica posterior, coa súa historia pasional de amor, odio e vinganza nun ambiente hostil. unha obra que crebou os canons morais da inglaterra vitoriana e os estilísticos coa súa estrutura de bonecas matrioscas. con todo, cumes torboentos non só é a historia do amor imposíbel entre catherine e heathcliff, senón que tamén abranxe as relacións amorosas da xeración seguinte: os seus respectivos fillos e mailo seu sobriño, e como heathcliff manipula estas movido pola vinganza e mailo odio. e ao cabo, todo volve ao rego coma se a estraña anomalía que supuxo a aparición e maila existencia de heathcliff non fose máis ca unha breve tempestade no devir dos páramos. cumes torboentos é un libro que gañou o dereito a figurar entre as cen, e mesmo as cincuenta, obras que calquera afeccionado á literatura debe ler porque é, sen dúbida, unha das mellores novelas de tódolos tempos.
